Friday 03 de May de 2024

Centos de veciños e veciñas de Frades celebran a Festa na honra a San Miguel cunha romaría campestre na carballeira de San Nicolau


Varios centos de veciños e veciñas de Frades e de municipios veciños participan hoxe venres 29 de setembro na tradicional Festa de San Miguel, unha romaría campestre que ten lugar na contorna da carballeira de San Nicolau. Festivo local, o protagonismo da celebración recae nas familias e nos grupos de amigos do municipio, que se achegan a comer ata esta carballeira traendo da casa non só a comida, senón tamén as mesas, as cadeiras, as tendas de campaña, etc.

O tempo acompañou ao desenvolvemento da festa, polo que a carballeira de San Nicolau encheuse un ano máis de tendas de campaña, carpas de empresa e algunha que outra improvisada con plásticos sobre os bancos de pedra do lugar. Churrasco, empanada e tortilla volveron ser as raíñas da xornada. E ás sobremesas caseiras tamén se poderían engadir as rosquillas, churros e demais larpeiradas dos distintos postos da feira.

O punto álxido da xornada tivo lugar coa saída en procesión do San Miguel pola contorna da capela e o inicio dos distintos xantares. O Dúo Dilema encargouse da sesión vermú e protagonizará a verbena nocturna canda D´Vicio. Pola tarde animaron os xantares os acordes de “Son da Terriña” (Galegos-Grades).

A festa estivo presidida polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, e os deputados autonómicos Paula Prado e Miguel Prado Patiño, así como polos alcaldes de Oroso, Ordes, Trazo, Tordoia e O Pino. Desfrutaron dun xantar de cofraternidade na pulpeira instalada na carballeira de San Nicolau.